A música é unha das 7 belas artes (xunto coa arquitectura, escultura, pintura, literatura, danza e cine) e ten moitos beneficios para a nosa saúde. Axúdanos a relaxarnos, divertirnos, mellorar o noso estado de ánimo, desenvolver a memoria...
Ademais, hai unha expresión que di que "a música amansa as feras". Escoitáchela algunha vez? Ten a súa orixe na lenda de Orfeo, un poeta e músico grego que calmaba as feras máis salvaxes cantando e tocando a súa lira.
Por todo isto, é importante adestrarse en determinados aspectos musicais para ser un gran músico. Hoxe imos practicar un dos seus elementos máis importantes: o ritmo. Recordas o que é?
Poderíase definir como a organización dos sons no tempo. En música represéntase a través das figuras musicais e os seus silencios.
E agora, imos adestrarnos empregando unha obra dun compositor chamado Tchaikovsky. Podedes facelo usando as sílabas rítmicas que xa coñecedes (ta, ti-ti, shh), con percusión corporal ou collendo dous bolígrafos a modo de claves. Adiante!

Ningún comentario:
Publicar un comentario