Arquivo do blog

15 de abril de 2020

Temos unha cita virtual: vémonos o venres!

Bo día!

Aínda que, polo momento, non recibín moitos resultados das enquisas, o que si foi unha resposta unánime foi a utilidade e a necesidade de conectarnos a través de videochamada. 
Así pois, temos unha cita virtual de proba! Será o próximo venres, 17 de abril, ás 11:30 horas.

Como o imos facer?
A Xunta de Galicia puxo a disposición dos centros de ensino público galegos a ferramenta CISCO WEBEX, unha ferramenta que permite interactuar a través de voz e imaxe co alumnado dos centros. Funciona dun xeito parecido a outras aplicacións que xa coñeceredes coma Zoom pero ofrece máis garantías no que se refire á privacidade dos usuarios.

Que necesitamos?
Fareivos chegar mañá, a través dun correo electrónico, a convocatoria cunha url, un número de identificación da reunión e unha contrasinal que deberedes anotar nun papel. Podedes acceder a través do navegador  da Internet do ordenador (Safari, Chrome ou Firefox) ou descargando a aplicación gratuita CISCO Webex Meetings para tablet ou móbil.

Como accedemos?
Deberemos copiar na barra de navegación o seguinte enderezo https://eduxunta.webex.com ou entrar directamente na aplicación que instalamos no móbil ou tablet. Tecleamos os datos da reunión que vos chegaron por correo e iniciamos reunión.
Despois é posible que nos pida outra información, o voso nome completo e o correo que é o mesmo para todos os alumnos/as (nonresponder@edu.xunta.gal), finalmente xa deberiamos estar conectados!

Que imos facer?
En principio, o plan do venres é vernos e charlar un pouco sobre a situación que estamos vivindo. Que me contedes cousas que estades a facer, que nos vexamos... Tede en conta que isto é unha proba para ir vendo como vai e ir mellorando de cara futuras citas.

Esperemos que todo funcione correctamente e pídovos disculpas, xa de antemán, polos posibles contratempos que se podan producir.

A continuación, déixovos un videotitorial para que vos vaiades familiarizando coa interfaz da sala. Cantos máis sexamos mellor!



Moi importante:
Para minimizar os erros que podan producirse, debe procurarse acceder á videoconferencia coa última versión dispoñible do navegador (navegador actualizado).

Ningún comentario:

Publicar un comentario